NUMAX

Repaso ao 2020 en NUMAX

Deixamos un ano difícil para todas nós, pero non queremos deixar de repasar aqueles fitos, actividades e encontros felices que deron sentido a este 2020 en NUMAX.

O ano arrancaba con forza, con esperadas estreas que encheron a sala de cinema (O oficial e o espía, O faro, Arima...), sesións de NUMAX na Escola, presentacións literarias (Berta Dávila, Bieito Alonso), o inesquecible encontro con Paulino Viota.... Todo mudou o 13 de marzo, día no que tivemos que pechar as nosas portas e confinarnos por mor da alerta sanitaria da COVID-19.

Nesas duras semanas tentamos manter o contacto e a nosa actividade, con propostas de visionado en liña (NUMAX na Casa) e un acordo coa plataforma de vídeo baixo demanda MUBI para sobrelevar mellor o confinamento. En canto as circunstancias o permitiron abrimos as nosas portas, cun rigoroso traballo previo de adaptación á nova situación: Sinaléctica, tensores separadores, surtidores de xel, protocolos de acceso, limpeza e ventilación, promoción da compra online e o pago con tarxeta... Queremos aproveitar para agradecer o exemplar comportamento de todas vós durante todo este tempo que facilitou a rápida adaptación ás novas medidas.

Deste xeito, o 11 de maio reabriu a Libraría, primeiro baixo o sistema de cita previa e pouco despois atendendo no interior, sempre con limitación de aforo. O proxector do cinema volveu prender o 12 de xuño cun título ben elocuente: Noite de estrea, de John Cassavetes. E desde entón aquí seguimos, con maiores ou menores restricións de horario e aforo en función das circunstancias, pero sempre coa ilusión de que NUMAX siga a ser un punto de encontro dinamizador da vida cultural da cidade.

A pesar destes avatares, ao longo de 2020 o Cinema NUMAX proxectou case 200 títulos de cinema independente e de autoría en versión orixinal. Consolidamos a nosa programación dominical para crianzas (Petís NUMAX), os focos e retrospectivas dos martes (Kleber Mendonça Filho, John Cassavetes, Jules Dassin) e as estreas alternativas dos luns no ciclo Os ollos verdes que conta cun acordo para obter un crédito ECTS da USC asistindo ás sesións. Foron tamén numerosos e moi felices os encontros con cineastas, xa fose dentro do ciclo A cor das palabras organizado polo Concello de Santiago (Paulino Viota, Sound Troop, Lois Patiño, Luis López Carrasco, Lucía Catoira Pan) ou acompañando importantes estreas (Alfonso Zarauza, Nuria Giménez Lorang, Alberte Mera, Ersin Çelik, o profesor Javier Mur na estrea de Uno para todos...).

Ao longo do ano demos continuidade á nosa colaboración habitual cos festivais máis importantes da cidade como Cineuropa, Curtocircuíto e a MICE, ao que se suma a nosa participación como xurado doutros certames galegos como Intersección na Coruña ou o Novos Cinemas de Pontevedra. Salientamos tamén a celebración do Día Internacional do Cinema Europeo en colaboración con Europa Cinemas e o Festival de Sevilla coa proxección de Borrar o historial.

En virtude do noso acordo anual coa Secretaría Xeral de Política Lingüística comandamos a tradución ao galego de 6 novos filmes proxectados en NUMAX e que fican agora á disposición doutras salas do país. No apartado formativo elaboramos 5 unidades didácticas arredor doutros tantos títulos do catálogo de NUMAX na Escola dentro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

Este e outros labores na normalización do uso do galego fixéronnos merecedores do III Premio Xela Arias que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, un recoñecemento do que estamos especialmente orgullosas.

2020 foi o noso primeiro ano baixo o selo Libraría de Calidade que outorga o Ministerio de Cultura, institución coa que tamén participamos dentro do ciclo «Afinidades electivas» coa conversa literaria entre Antón Blanco e Annas Gas 1996. Cristal / ruína de idioma.

Durante todo o ano organizamos actividades nas que a Libraría seguiu a ser, a pesar das restricións, un punto de encontro literario. O ciclo DEBUT permitiunos coñecer de preto a escritoras emerxentes do panorama literario como Mónica Ojeda, Andrea Abreu e Elena Medel. Como cada ano, sumámonos ás datas que celebran o libro e a lectura: o Día das Librarías, coa participación de Suso de Toro, os días do Libro e as Letras Galegas ou a Feira do Libro de Compostela, na que tivemos o noso posto un ano máis.

No apartado de presentacións contamos coa presenza de destacadas autoras como Berta Dávila, Antón Blanco, Belén Sola Pizarro, Bieito Alonso e Ángel Suanzes que acompañaron e asinaron cadansúas creacións literarias.

Ademais, 2020 foi o ano dos Discursos en acción, un ciclo de conferencias performativas que converteu a sala de cinema nun espazo de ensaio a medio camiño entre o divulgativo, o artístico, o escénico e o audiovisual. Dentro desta actividade, apoiada pola Deputación da Coruña e comisariada por Performa, recibimos as visitas de Macarena Montesinos, Suso Fandiño, Alejandra Pombo, Jacobo Bugarín, Misha Bies Golas e Xisela Franco.

Nun ano no que as estreas cinematográficas se converteron case en actos de heroísmo, na área de Gráfica do Laboratorio NUMAX tivemos a sorte de poder seguir deseñando carteis para filmes tan queridos como Nación ou os de NUMAX Distribución, entre os que se atopan Vitalina Varela e As nosas derrotas. Tamén foi moi grato poder enviar ao prelo o terceiro volume de Por unha historia do cinema en lingua galega (https://www.behance.net/gallery/106166563/Para-unha-historia-do-cinema-en-lingua-galega), editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC e a Editorial Galaxia. Ademais, lanzamos a tenda online de Merlín e Familia (https://merlinefamilia-tienda.com/), un referente en artesanía e comercio de proximidade, para quen tamén redeseñamos a súa imaxe corporativa. Foi só un dos proxectos de desenvolvemento web nos que estamos a traballar e que agardamos poidan ver a luz no ano 2021.

A nosa área de Vídeo enfoucouse este ano na edición de dúas longametraxes que dan e darán que falar: Nación, da nosa socia Margarita Ledo (que se estreou con premio no Festival de Sevilla), e Niño de Elche, de Marc Sempere e Leire Apellaniz, con estrea prevista en 2021. Para ambas realizamos tamén a corrección de cor e etalonaxe, e mesmo todo o desenvolvemento gráfico no caso da primeira. Os corpos, de Eloy Domínguez, recentemente estreado no Festival de Xixón, foi outro dos títulos destacados que pasou pola nosa sala de cor.

E como anos pasados, seguimos facendo a coordinación técnica do festival Novos Cinemas (Pontevedra), de proxeccionistas no Festival de San Sebastián ou asistindo coas copias dixitais a Cineuropa (Santiago) ou Majordocs (Palma de Mallorca).

Podedes consultar os nosos traballos de Vídeo (https://video.numax.org) e Gráfica (https://behance.net/numaxlab) nos porfolios nos que imos dando mostra da nosa actividade.