Repaso a lo más destacado de 2024 en la Cooperativa NUMAX
[Ilustración: Pepa Prieto]
El 2024 que acabamos de finalizar fue un año lleno de encuentros y actividades en la Libraría, el Cinema y el Laboratorio NUMAX. Como todos los años por estas fechas, compartimos un pequeño recorrido por lo más destacado de los últimos 366 días en la vida de la cooperativa. ¡Muchas gracias por hacerlo posible con vuestra participación!
O proxector da sala de cinema deu luz a máis de 1.500 proxeccións nas que se achegaron á sala máis de 31.000 persoas. 3.200 destas espectadoras corresponden a NUMAX na Escola, unha das liñas de programación máis queridas por nós. 2024 foi tamén o ano de celebración do Noveno Aniversario de NUMAX (preparédevos para o décimo en 2025!!), cunha xornada na que non faltou a música (Liceo Mutante, Zunzún, Columna Vegana, Bigote Mix), o cinema (proxección cos Cineclubes Mazarelos, Facom e Cinefilo) e un obradoiro de fanzines (Guísomo Eu!).
Nos últimos doce meses proxectáronse un total de 268 filmes, dos cales os máis vistos foron La habitación de al lado, Pobres criaturas, A substancia, As Neves e Zona de interese. A sala foi, un ano máis, lugar de encontro entre público e cineastas que compartiron e dialogaron coas espectadoras da sala sobre as súas creacións. Neste 2024 recibimos a visita de directores/as (Margarita Ledo, Pilar Palomero, Sonia Méndez, Valeria Stucki, Carlos Martínez-Peñalver, Pablo García Canga, Inés Toharia, Alejandro Enríquez, Jaione Camborda, Álvaro Gago, Luis Avilés, Vasco Araújo, Ignacio Vilar, Muriel Pernas, Bruno Arias, Lucía Ramiro, Daniel Tornero), actrices e actores (Iolanda Muíños, Federico Pérez Rey), directores/as de fotografía (Hélène Louvart, Alberte Branco, Lucía Catoira), produtoras (Nati Juncal), estudosos/as do cinema (Michael Rogosin, José Manuel López, Mª Soliña Barreiro, Cibrán Tenreiro, Rebeca Baceiredo, Julio Vilariño, Lois E. Froiz), arquivistas (Carolina Cappa, Frédéric Maire). Tamén nos sumamos a coloquios en liña con celebridades da talla de Joan Baez, C. Tangana ou Payal Kapadia.
[Foto: Juan Meseguer]
Un ano máis, fomos sala colaborada de iniciativas e actividades organizadas polos axentes culturais da cidade, sendo sede dos festivais Cineuropa, MICE e De Lugares e Órganos. Celebramos a segunda edición do ciclo Blow Up. A música no cinema, en colaboración co Outono Códax Festival e A Reixa Tenda, e coordinamos o subtitulado ao galego de dous filmes de exhibición comercial (Oh, Canada e Bird), coa colaboración de Traduzebra e o apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Tamén participamos do Festival C do Concello de Santiago, coa proxección ao aire libre d'A muller pantera (Jacques Tourneur) e Imitación á vida (Douglas Sirk) e, celebramos, un ano máis, os encontros A cor das palabras que organiza o propio Concello, coa visita de María Vázquez, José Luis Guerin, Ricardo Matos Cabo, Jonás Trueba e Alberto Gracia.
As nosas liñas de programación paralelas acolleron as propostas máis arriscadas e anovadoras no ciclo Os ollos verdes; as máis pequenas da casa tiveron o seu espazo en Petís NUMAX, cun especial "Contos de verán" no período estival; proxectamos filmes de F.W. Murnau, Robert Wiene ou Harol Lloyd en Cinema +100; recordamos a cineastas que nos deixaron durante o ano ―Gena Rowlands, Roger Corman, Kris Kristofferson― no ciclo In Memoriam; continuamos a explorar filmografías claves da historia do cinema na nosa sección de Repertorio con Focos a Yasujiro Ozu, Pere Portabella, Jacques Rivette e Bulle Ogier, Leopold Lindtberg, Robert Bresson, Lionel Rogosin e proxectamos filmes restaurados ou reestreados ―José Ernesto Díaz Noriega, Sanrizuka - Os campesiños da segunda fortaleza, As margaridas, Not a Pretty Picture―. Durante o verán tivo unha estupenda acollida o ciclo Nocturama, que xirou arredor da enorme figura de Stanley Kubrick, unha odisea. Ademais, neste 2024 inauguramos as nosas Sesións Teta para facilitar o visionado de pais e nais coas súas crianzas lactantes e os pases adaptados en colaboración con Autismo Galicia. Durante todo o ano organizamos actividades de apoio e solidariedade ao pobo palestino, como sede dos Palestine Cinema Days ou participando na iniciativa Sandías pola Paz da Coordinadora Galega de ONGD.
[Foto: Juan Meseguer]
Neste ano 2024 a Libraría NUMAX organizou e acolleu arredor duns 70 eventos. Polo noso espazo pasaron escritoras como Sabina Urraca, Elaine Vilar Madruga, Blanca Lacasa, Anna Pacheco, Pol Guasch, Lara Dopazo, Claudia Polo, Berta Dávila ou Xita Rubert (Premio Herralde de Novela 2024); fotógrafos como Adra Pallón e Vari Caramés; poetas como Chus Pato (Premio Nacional de Poesía 2024) e María Sánchez ou ilustradoras como Pepa Prieto, Roberta Vázquez, Andrés Magán e Bea Lema (Premio Nacional de Cómic 2024). Ademais, organizamos xunto á cooperativa MAOS S. Coop. Galega a nosa actividade anual A aldea desmedida para pensar sobre a urbe na que vivimos desde unha perspectiva histórica, turística, gastronómica ou para reflexionar sobre novos futuros de cidade. Tamén continuamos co noso Club de Lectura NUMAX - Irmás Cartoné lendo obras literarias de temática poscolonial ou sobre a relación entre animais e humanos. Seguiremos traballando e lendo moito para traervos o mellor neste 2025 no que a cooperativa NUMAX celebra o seu décimo aniversario
Desde o departamento de Gráfica do Laboratorio NUMAX prestamos servizos de deseño, identidade corporativa e desenvolvemento web. Entre os proxectos que levamos adiante este ano están a imaxe gráfica dos Premios Mestre Mateo (Academia Galega do Audiovisual), a feira de artes escénicas Galicia Escena Pro (AGADIC) e o Festival Sinsal (SinsalAudio), a renovación da web de FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral), o sitio da produtora independente Escarlata Estudio, a identidade corporativa do ILG (Instituto da Lingua Galega, USC), as publicacións Los ojos de los árboles de María do Cebreiro en colaboración con CenLitros e A orillas del Duero de Lucía Laín, os carteis para Prefiro condenarme (NÓS PCG-Atalante Cinema) e os ciclos de cine Leopold Lindtberg, Lionel Rogosin e O cinema checo dos sesenta (Lost&Found).
Ao longo deste 2024 na área de Vídeo encargámonos da montaxe da curtametraxe Portales, da cineasta Elena Duque, que terá a súa estrea no festival de Berlín, e das longametraxes San Simón (Miguel Ángel Delgado, 2025), Así chegou a noite (Ángel Santos, 2025) e Prefiro condenarme, a nova película da nosa socia Margarita Ledo que recibiu a Mención Especial do xurado na sección Las Nuevas Olas do Festival de Sevilla. Fomos tamén o laboratorio encargado da etalonaxe nestes dous últimos filmes, ademais de desenvolver esta tarefa noutros proxectos como Te separas mucho, primeira longametraxe da directora Paula Veleiro, premiada na última edición do Festival Internacional de Cine de Xixón. Ademais disto fomos os responsables da montaxe e etalonaxe na curtametraxe Un home que foxe, de Pablo Dopazo, e realizamos os vídeos que constitúen o libro interactivo A orillas del Duero, proxecto desenvolvido pola documentalista Lucía Laín; ademais de continuar a nosa colaboración coa distribuidora Lost&Found preparando as copias e tráilers para os seus ciclos de cine.
Outros dous dos filmes que pasaron polas nosas instalacións tiveron a súa estrea este ano, recibindo unha gran acollida por parte da crítica: La guitarra flamenca de Yerai Cortés (Antón Álvarez, 2024), con dúas nominacións aos premios Goya, a mención especial Novos Directores do SSIFF e o premio a mellor documental do In-Edit, festival onde tamén recibiu a mención especial do xurado La marsellesa de los borrachos, a primeira película como director de Pablo Gil Rituerto, montada en NUMAX.